Saturday 04 de May de 2024

A Xunta abre o prazo para a presentación de ofertas ao concurso de Xestur para adxudicar máis de 500.000 M2 de solo empresarial en 19 polígonos


— O prazo estará aberto ata o 12 de marzo e as empresas interesadas en adquirir algunha das parcelas poden solicitar bonificacións dun 30% ou dun 50% sobre o prezo de venda

— A empresa pública ten previsto sacar este ano un segundo concurso para comercializar terreos en Xinzo de Limia e o IGVS tamén porá á disposición o solo que ten dispoñible

As empresas interesadas en participar no concurso para a adxudicación do solo empresarial propiedade de Xestur Galicia teñen ata o vindeiro 12 de marzo para poder presentar as súas ofertas, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web da empresa pública.
O procedemento inclúe un total de 251 parcelas localizadas en 19 parques empresariais e que suman unha superficie de 517.808,51 metros cadrados, segundo o detalle do cadro que se adxunta, e no que, ademais, se indican os prezos máximo e mínimo por metro cadrado, despois de aplicar a bonificación que corresponda a cada parque empresarial.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta aplica desde 2015 descontos dun 50% sobre o prezo de venda en todos os seus parques das provincias de Lugo e Ourense, de Ferrolterra, da Costa da Morte e da zona fronteiriza entre Pontevedra e Portugal; e dun 30% nos do resto de Galicia.
Segundo figura nas bases da convocatoria, as parcelas poderán adxudicarse en compravenda, ao contado ou con pago aprazado ata oito anos, e tamén poden solicitarse en dereito de superficie, unha modalidade que permite á empresa pagar unicamente un canon anual equivalente ao 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, posteriormente ao 2,5% no terceiro e cuarto ano, e ao 3,5% a partir do quinto ano.
En todo caso, os adxudicatarios de solo en dereito de superficie teñen tamén a posibilidade de comprar máis adiante a parcela, se así o desexan.
Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén está tramitando o seu propio concurso para a adxudicación de máis de 250.000 metros cadrados de solo empresarial da súa propiedade e prevese un segundo concurso por parte de Xestur para poñer no mercado outros 103.000 metros cadrados no parque empresarial de Xinzo de Limia, que actualmente aínda están en desenvolvemento.